Debate sobre «Son coma glaciares os barcos de aceiro» con Cynthia Menéndez
O martes, 21 de abril, ás 17.30h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra Son coma glaciares os barcos de aceiro. Nesta sesión contaremos coa presenza de Cynthia Menéndez, autora da obra.
Son coma glaciares os barcos de aceiro é unha novela artesá, soldada con precisión liña a liña, palabra a palabra, como fan os traballadores coas chapas metálicas nas bancadas dos estaleiros. Unha carta de amor ao Vigo industrial e combatente, aos fillos e fillas do traballo e da dignidade, a través dos recordos dun neno que medra entre as manifestacións, as folgas e a loita sindical a finais dos anos noventa. Unha ofrenda ao Vigo todo azul, coma os uniformes dos traballadores, coma o ceo de día sobre a ría, coma o ceo de noite por riba dos guindastres, azul coma a lealdade, o compromiso, a nostalxia, a morriña; coma a saudade; azul coma o frío, as baleas baixo a auga azul, coma a tinta, coma o Celta, coma as revoltas obreiras. Coma os glaciares.
Cynthia Menéndez naceu en Vigo en 1993. Medrou no barrio do Calvario. Cursou estudos de inglés, francés, portugués e italiano en centros e universidades de Inglaterra, Gales, Francia, Estados Unidos, Canadá e Portugal. É poeta e libreira. Son coma glaciares os barcos de aceiro é a súa primeira novela.